![]() |
Orden sobre equivalencias de los títulos de buceo profesionales y los militares.
ORDE do 30 de marzo de 2001, pola que se
establece o réxime de equivalencias e convalidacións das titulacións de
mergullo profesional reguladas na Orde do 23 de abril de 1999 pola que se
regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia,
para os posuidores dos títulos expedidos polo Organismo Técnico de
Mergulladores da Armada (Centro de Mergullo da Armada).
Publicado o Decreto 152/1998, do 15 de maio, polo que se
establecen as condicións para o exercicio do mergullo profesional na
Comunidade Autónoma de Galicia, onde contempla as titulacións para o
exercicio do mergullo profesional, e visto o seu desenvolvemento a través da
Orde do 23 de abril de 1999, pola que se establecen as condicións e requisitos
para a obtención das diferentes titulacións de mergullo profesional, así
coma os correspondentes recoñecementos e validacións.
Por outra parte, como normativa básica da Administración
Xeral do Estado, está o Decreto 2055/69, do 25 de setembro de 1969, que regula
o exercicio de actividades subacuáticas, establece no seu articulado, que os
títulos militares serán definidos polo Alto Estado Maior na súa misión
coordinadora entre os Ministerios militares, sinalando a súa equivalencia cos
títulos profesionais, regulados neste Decreto, ademais, entre outras
actuacións nesta materia, contempla a posibilidade de establecer un réxime de
convalidacións para a adquisición de títulos profesionais polos posuidores
dos títulos militares.
Seguindo a normativa básica do mencionado decreto, a Orde
ministerial delegada núm. 282/82, do 20 de outubro, do Almirante Xefe do
Estado Maior da Armada, aproba o Regulamento das Especialidades e Aptitudes de
Mergullo da Armada, derrogando os títulos militares de mergullo que aparecían
dentro dun réxime de equivalencias e convalidacións, que establece a Orde do
25 de abril de 1973, que regula o Exercicio de Actividades Subacuáticas nas
Augas Marítimas e Interiores. Deste modo, a citada Orde do Estado Maior da
Armada, crea un novo cadro de Especialidades e Aptitudes de Mergullo da Armada.
Perante o vacío normativo nesta materia, e tendo en conta,
a lexislación básica da Administración Xeral do Estado sobre actividades
subacuáticas, segundo o Decreto 2055/69 mencionado, a lexislación da
Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mergullo profesional e, a
lexislación do Estado Maior da Armada, Orde ministerial delegada núm. 282/82,
cómpre establecer, unha vez comprobados e avaliados os antecedentes
necesarios, o réxime de equivalencias e convalidacións, das titulacións e
especialidades reguladas polo Decreto 152/1998 e desenvolvido pola Orde do 23
de abril de 1999 arriba reflectidos, polas emitidas polo Organismo Técnico de
Mergulladores da Armada (Centro de Mergullo da Armada).
En consecuencia, tendo en conta a disposición derradeira
segunda do decreto 152/1998, do 15 de maio, pola que se faculta á Consellería
de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para dicta-las disposicións necesarias para
o desenvolvemento do devandito decreto,
DISPOÑO:
Artigo 1º.
As Especialidades e Aptitudes de Mergullo expedidas polo
Organismo Técnico de Mergulladores da Armada (Centro de Mergullo da Armada)
obxecto de equivalencia e convalidación por esta Orde, son as relacionadas a
continuación:
a) Aptitude de Mergullador Axudante.
b) Aptitude de Mergullo Elemental.
c) Aptitude de Mergullo de Combate.
d) Aptitude de Mergullador.
e) Especialidade de Tecnoloxía de Mergullo.
f) Especialidade de Mergullador.
Artigo 2º.
Establécese o réxime de equivalencias e convalidacións
das titulacións de mergullo profesional e especialidades subacuáticas
profesionais reguladas no Decreto 152/1998, do 15 de maio e na Orde do 23 de
abril de 1999 polas que se regulan o exercicio do mergullo profesional na
Comunidade Autónoma de Galicia, para os posuidores de títulos expedidos polo
Organismo Técnico de Mergulladores da Armada (Centro de Mergullo da Armada)
conforme á Orde Ministerial delegada núm. 282/82, do 20 de outubro, do
Almirante Xefe do Estado Maior da Armada, pola que se aproba o Regulamento das
Especialidades e Aptitudes de Mergullo da Armada, de acordo coa presente orde.
Artigo 3º.
O réxime de convalidacións das titulacións de mergullo
profesional, reguladas no Decreto 152/1998, do 15 de maio, terá un carácter
de parcial ou total, en función do tipo de Aptitude ou Especialidade de
Mergullo da Armada, e será o que se establece no anexo I desta orde,
indicando, no caso de convalidación parcial, os contidos non convalidados, de
acordo coa Orde do 23 de abril de 1999, pola que se regula o exercicio do
mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
O réxime de convalidacións das especialidades
subacuáticas, reguladas no citado decreto, será o que se establece no anexo
II desta Orde.
Artigo 4º.
Para tramita-la convalidación das titulacións enumeradas
no cadro do anexo I, para o caso daqueles títulos que así o require, cómpre
superar previamente a realización presencial dun módulo teórico-práctico,
que cubrirá aqueles coñecementos non convalidables e que se organizarán como
mínimo una vez ó ano, na Escola de Mergullo de Galicia do Instituto Galego de
Formación en Acuicultura.
Artigo 5º.
A documentación a presentar coa solicitude de
convalidación para a obtención da tarxeta de mergullador profesional e
especialidade que corresponda, será a seguinte:
1.- Documentación para a obtención da tarxeta de
mergullador profesional:
a) Ter superado previamente, as probas específicas
teórico-prácticas, reflectidas no anexo I desta orde, para o caso das
titulacións que así o requiren.
b) Solicitude debidamente cuberta segundo modelo do anexo
III.
c) Unha fotografía recente de tamaño carné, co nome e
apelidos escritos ó reverso.
d) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.
e) Fotocopia compulsada da 5ª e 15ª follas do libro de
diario de mergullo.
f) Fotocopia compulsada da Especialidade ou Aptitude
Profesional da Armada que sexa obxecto de convalidación.
g) Xustificante de abono das correspondentes taxas.
h) Certificado médico de aptitude para o correspondente
nivel de mergullo, expedido por un facultativo habilitado. Este certificado
acreditativo de supera-las probas establecidas no anexo IX, da Orde do 23 de
abril de 1999, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na
Comunidade Autónoma de Galicia, pode ser substituído polo recoñecemento
médico anual en vigor anotado no libro diario de mergullo.
i) Certificado de avaliación psicolóxica de aptitude para
o mergullo expedido por un facultativo habilitado. Este certificado
acreditativo, pode ser substituído polo recoñecemento de aptitude
psicolóxica en vigor anotado no libro diario de mergullo, de acordo coa Orde
do 23 de abril de 1999, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional
na Comunidade Autónoma de Galicia.
j) Fotocopia compulsada do certificado de ter superado o
curso de primeiros auxilios para mergulladores profesionais no seu nivel
correspondente ou, de se-lo caso, estar en posesión do certificado de que
foron realizados as reciclaxes correspondentes, de acordo co establecido na
Orde do 23 de abril de 1999 pola que se regula o exercicio do mergullo
profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
k) Certificado expedido pola entidade xestora da Seguridade
Social de non ser pensionista nin por xubilación nin por invalidez.
m) No caso de solicita-la tarxeta de mergullador profesional
de primeira clase, acreditar estar en posesión da correspondente Especialidade
de Mergullo da Armada obxecto de convalidación por un período mínimo de dous
anos.
2. Documentación para a obtención das certificacións de
especialidades de mergullo profesional:
a) Acreditar mediante fotocopia compulsada, estar en
posesión da titulación de mergullador profesional de 2º clase.
b) Fotocopia compulsada da Especialidade ou Aptitude de
mergullo da Armada.
c) Solicitude debidamente cuberta segundo o Anexo III.
d) Fotocopia compulsada da 5ª e 15ª follas do libro de
diario de mergullo.
e) Xustificante do abono das correpondentes taxas.
f) Fotocopias compulsadas das follas do libro diario de
mergullo correspondente ó recoñecemento médico anual en vigor anotado no
libro diario de mergullo, á avaliación psicolóxica de aptitude para o
mergullo e de anotación do curso de primeiros auxilios para mergulladores
profesionais no seu nivel correspondente.
Disposicións derradeiras
Primeira.- Facúltase á Dirección Xeral de Formación
Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións necesarias para o
desenvolvemento desta orde.
Segunda.- Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da
sua publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2001
O CONSELLEIRO DE PESCA,
MARISQUEO E ACUICULTURA
Fdo.: Amancio Landín Jaraiz.
____________________________________________